DÍA INTERNACIONAL DA ACTRIZ E DO ACTOR: ERNESTO CHAO

25 / Agosto / 2026

DÍA INTERNACIONAL DA ACTRIZ E DO ACTOR: ERNESTO CHAO

Hoxe, 26 de agosto, celebrase a nivel mundial o día da actriz e do actor. En Teatro do Noroeste queremos conmemorar, neste día, ao actor Ernesto Chao, unha figura fundamental no teatro e na televisión en Galicia, e estreitamente ligada á nosa compañía.

O 26 de agosto celebrase mundialmente o día da actriz e do actor, un día que serve para destacar a labor desta profesión fundamental do teatro, pero non solo nas artes escénicas tamén no cine e na televisión. Conmemorase nesta data en honra de San Xes de Roma, actor do século III e patrón das artes escénicas.

Hoxe queremos celebrar e agradecer o traballo de todas as actrices e todos os actores que pasaron por Teatro do Noroeste, pero en particular dun actor especialmente relevante na nosa compañía xa que remou con nós nos 10 primeiros anos de Teatro do Noroeste e foi, xunto con Eduardo Alonso e Luma Gómez, socio fundador: Ernesto Chao.

 

Ernesto Chao Pino (1943-2018), "Nesto" para moitos, nado en Ribadavia, Ourense, foi un actor galego cunha dilatada carreira profesional no teatro, televisión e cine dende finais dos anos sesenta.

Foi director do Centro Dramático Galego entre 1986 e 1987. Nos anos setenta formaba parte da compañía Teatro Artello, á vez que rexentaba con Rosa Álvarez a sala Carral en Vigo. En 1987 foi socio fundador de Teatro do Noroeste, compañía na que estivo durante 10 anos, e posteriormente en 2001, fundou xunto coa actriz Rosa Álvarez, a compañía teatral Lagarta Lagarta SL. 

Ademais das marabillosas personaxes que interpretou nas artes escénicas tamén tivo personaxes moi salientables en televisión e cine.

Escribían sobre Ernesto Chao, despois do seu tráxico pasamento, Luma Gómez e Eduardo Alonso:

«Póñome pensar, e nos últimos corenta anos non hai moitos días da miña vida nos que ti non esteas presente:
nos ensaios, nos veráns, nas viaxes, pero tamén nas reivindicacións, na construción dunha profesión que tanto ti coma eu amamos e quixemos mellorar.” (...)
(...) “Imposible esquecerme da túa bondade, da túa ironía, da túa elegancia, do teu sentido do humor,
do teu cariño, das horas, días, anos nos que tanto nos temos divertido xuntos cos espectáculos que compartíamos.» Luma Gómez

«Xa outros dirán o que é obvio:
Que fuches o máis grande actor que deu a Patria,
que nada desta arte se entende,
sen entender a túa ollada.” (...)
(...)“Porque ti quedas aquí, claro e rotundo.
Como sempre fuches, como sempre serás.
Un puntal, un golpe, un atributo.
Un comezo, nunca un final,
un estandarte, un remanso de paz,
un ariete, un espazo infinito,
un camarada, unha posibilidade inmensa,
un teorema. Por iso, déixate de brincadeiras e aparece,
que te botamos de menos, inmensamente,
amigo da alma, compañeiro.» Eduardo Alonso

 

Precisamente en Teatro do Noroeste formou parte fundamental nunha decena de espectáculos dende o nacemento da compañía, entre 1987 e 1997. Queremos facer un repaso sobre os papeis que tivo neses espectáculos da compañía.

No segundo espectáculo da compañía que foi unha coprodución con Teatro do Malbarate, Galicia, S.L. (1988) de Manuel Rivas, Antón de Santiago, María Xosé Queizán, Manuel Guede, Xesús Campos, A. Simón e Lino Braxe; Ernesto Chao interpretou a varios personaxes xa que este era un espectáculo de sketches, unha críticia da empresa moderna.

Ficha Galicia, S.L.

 

Un dos seus papeis máis relevantes na compañía foi o de Lear, no Rei Lear (1990) na versión galega do Shakespeare de Eduardo Alonso. Ernesto con este papel protagónico foi finalista nos Premios Compostela de Teatro na categoría de mellor interpretación masculina.

Ficha Rei Lear

 

Ondas que fan océano Rei Lear

 

Gabeta Rei Lear

 

En Os Xustos (1991) interpreta a Boris Annenkov, nun espectáculo emprazado na Rusia de principios do século XX, e que recibiu o Premio Compostela á mellor iluminación.

Ficha Os Xustos



Desdobramento de persoaxes tivo no espectáculo A Grande Noite de Fiz (1992) de Miguel Anxo Murado, no que interpreta a Outro Calquera e Don Pantaleón.

Ficha A grande noite de Fiz

 

Outro dos seus personaxes protagónicos foi o de Galileo na obra Galileo Galilei (1993) na adaptación de Eduardo Alonso da obra de Bertolt Brecht, papel co que levou o Premio Compostela de Teatro ao mellor Actor Protagonista.

Ficha Galileo Galilei

 

Ondas que fan océano Galileo Galilei 

 

Gabeta Galileo Galilei

 

Fixo de Conde na versión de Cándido Pazó e Eduardo Alonso de As Vodas de Fígaro (1994) de Caron de Beaumarchaise.

Ficha As vodas de Fígaro

 

Bastante atarefado estivo no Macbeth (1994) de Teatro do Noroeste, no que interpretou a 6 personaxes: Duncan, Porteiro, Asasino 2, Lord, Doutor, e  Syward o Vello.

Ficha Macbeth

 

Fixo o papel de Morte Xusticeira en Historias Peregrinas I (1995), papel no que destacaba a súa vis cómica.

Ficha Historias Peregrinas I 

 

Ondas que fan océano Historias Peregrinas 

 

Gabeta Historias Peregrinas

 

E a última personaxe que interpretou na compañía foi no espectáculo Noite de Reis (1996) de Shakespeare, no papel de Don Tobías.

Ficha Noite de Reis

 

Por último, tamén formou parte de Unha rosa é unha rosa (unha comedia de medo) (1997) de Suso de Toro como colaborador. Aparecía nos videos reproducidos no televisor durante o espectáculo.

Ficha Unha rosa é unha rosa

 

Despois diso, a súa carreira tomou outro rumbo, mais sempre formou e formará parte da nosa historia, da historia de Teatro do Noroeste.

 

A continuación compartimos un vídeo no que se pode ver a Ernesto Chao decindo unhas palabras sobre a súa relación con Teatro do Noroeste. Este fragmento foi extraído do documental sobre a compañía “30 anos actuando. Que nos quiten o bailado!” dirixido por Eva Alonso e producido por Chiripa:

 

Máis sobre Ernesto Chao témolo gardado na gabeta reservada ao actor, compañeiro e amigo:

Gabeta Ernesto Chao

 




Volver atrás



Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia ao usuario no noso sitio web. Podes personalizar a túa experiencia aquí­. Se queres saber máis, le a nosa Polí­tica de Cookies

Nesta xanela podes configurar as cookies que queres aceptar. Lembra que en todo momento, podes acceder á nosa Política de Cookies