
A obra conta a vida de Galileo Galilei nos seus últimos anos como investigador, nos que vive en Florencia coa súa filla Virxinia con conflitos económicos; dando clases de matemáticas; instruíndo a Andrea, fillo da súa caseira a Señora Sarti, como o seu discípulo; e continuando as súas indagacións para as súas teses co que el consideraba o seu axudante, Federzoni. Nesta época descobre probas que avalan as teorías copernicanas. Mediante o telescopio atopa, entre outras, as manchas solares, montañas na lúa ou os satélites de Xúpiter. Mais estes achados non son do agrado da Igrexa xa que demostrar que a Terra xira arredor do Sol, o heliocentrismo, tiraba por terra as doutrinas relixiosas mantidas por séculos. Polo que o seu vello amigo, o Cardenal Barberini, nomeado Papa Urbano VIII, baixo influencia do Inquisidor, acaba denunciando a Galileo, que se verá na obriga de retractarse publicamente das súas teses.
A obra orixinal Leben des Galilei (A vida de Galileo) foi escrita polo dramaturgo alemán Bertolt Brecht en 1938. O autor publicou dende esa data ata a súa morte varias versións deste texto teatral. Foi a súa gran obra de madurez.
♦
«Acaso non está claro que un cabalo que cae dunha altura de tres ou catro metros pode romper as patas, mentres que un can non sofre ningún dano? O mesmo ocorre cun gato que cae de oito ou dez metros de altura, un grilo dunha torre ou unha formiga se caera da lúa. E así como os animáis pequenos son, en proporción, máis fortes e vigorosos que os grandes, do mesmo xeito as pequenas plantas son máis resistentes. Un carballo cunha altura de douscentos metros non podería soster en proporción, as polas dun carballo normal. E a natureza non pode facer crecer un cabalo tan grande coma vinte cabalos, nin un xigante dez veces máis grande que o seu tamaño normal sen que teña que cambiar as proporcións de tódolos seus membros, especialmente dos osos, que deberían nese caso, ser reforzados nunha medida moito maior que o seu tamaño proporcional. A opinión xeral de que as máquinas grandes e pequenas teñen resistencias proporcionais ao seu tamaño é evidentemente errada.»
Galileo Galilei, Os Discorsi