Ondas que fan océano: Rei Lear

03 / Maio / 2025

Ondas que fan océano: Rei Lear

Fai 35 anos estreábase o Rei Lear de Teatro do Noroeste. É un gran referente do Teatro Universal, como tamén o é da última das nosas producións, Guerra, de Eduardo Alonso, estreada este ano.

Un 3 de maio de 1990, Teatro do Noroeste estreaba no Teatro Principal de Santiago de Compostela unha das traxedias de William Shakespeare, Rei Lear, sendo esta a primeira posta en escena desta obra en galego. Esta versión en galego traducida e versionada por Cándido Pazó e Eduardo Alonso, quen tamén a dirixiu, foi publicada por Edicións Xerais en 1998. O elenco estaba formado por: Ernesto Chao, no papel de Lear; Luma Gómez, no papel de Regania; Belén Constenla, no papel de Gonerila; Monti Castiñeiras, no papel de Duque de Kent; Matilde Blanco, no papel de Cordelia; Paco Campos, no papel de Conde de Gloucester; Santiago Prego, no papel de Edgar; e Diego Varela, no papel de Edmund. 

Rei Lear, recibiu no ano 1990 o Premio “COMPOSTELA” á mellor versión teatral realizada. 

 

Neste ano, 2025, coincidindo co ano do 35 aniversario desta montaxe, estreouse en xaneiro tamén no Teatro Principal de Santiago de Compostela a nosa máis recente e ambiciosa produción: Guerra, que ademáis ten bastante relación co Rei Lear, xa que unha das numerosas obras do Teatro Universal que influiu ao autor da obra, Eduardo Alonso, na súa escrita foi precisamente Rei Lear. O actor shakespeariano é unha das seis personaxes de Guerra, e foi creado coa esencia de varias personaxes de diversas obras teatrais de Shakespeare, entre eles está o Rei Lear e o seu protagonista. Deste toma prestado non só a súa coroa, ou as ínfulas e desvaríos “dun vello chocho e moribundo”, senon tamén no texto con algún dos seus monólogos máis potentes:

 

«Bufade, bruade até que vos estalen as fazulas! Bombas, morteiros, tanques e canóns, derrubade as máis altas torres e os máis altos campanarios! Raios do inferno, capaces de fender cabalos, abrasade esta cabeza encanecida! Que rebente a natureza en faragullas, para que desapareza para sempre a semente que xera o fillo ingrato!»

 

 

Rei Lear é unha traxedia. Para os que non lesen Rei Lear de William Shakespeare, nin visen as súas múltiples postas en escena así como a de Teatro do Noroeste, aquí vai un resumo: un Rei acorda dividilas súas terras entre as súas tres fillas (Gonerila, Regania e Cordelia) e para facer esta partixa pide saber ata que punto é querido por elas. Quen máis ama ao seu pai, a doce Cordelia, será a que non saiba como expresar o seu cariño e veneración, mentres que as súas irmás maiores daranlle probas hipócritas de afecto. Decepcionado, ofendido e enfadado pola resposta da súa filla menor e favorita, Cordelia, con impulsividade e nula xestión emocional, decide repudiala e repartir a súa herdanza e poder entre as súas outras fillas, Gonerila e Regania. Estas acaban traizoando ao seu pai, que termina moribundo lonxe do seu reino. Traizóns, tolemia e guerra levan á destrución de todos. Ao final, Lear morre con Cordelia nos brazos, demasiado tarde para reparar o dano.

En Rei Lear móstrasenos a dificultade de expresar sentimentos como o amor, tamén a sospeita de que o importante é o que non se di, o que se pensa, “facer o ben sen que ninguén se decate”.

A pesar das numerosas veces que foi representada esta obra ao longo da historia do teatro, dende a súa creación, Teatro do Noroeste deciden facer a súa propia versión do Rei Lear, sendo a primeira en facerse en galego.

“Facemos este espectáculo porque nos gusta, porque coidamos que ao público pode gustarlle, porque a historia que nel se conta é do máis engaiolante, independentemente (ou case) da forma en como se conte.”

 

Tamén formaron parte do equipo de produción deste espectáculo: Paco Conesa (escenografía, vestiario e cartel), Emilio Cao (música), Pablo Seoane e Salvador Forján (realización de escenogragía), J. Méndez (realización atrezzo), Miro Magariños (realización zapatería), Mercedes Rodríguez (realización vestiario), Tino Vid (fotografía) e Rosa Míguez (axudante de dirección).

 

Todo o material de arquivo deste espectáculo, ilustracións de deseño de vestiario, programa de man e fotografías, podes atopalo na nosa sección:

A GABETA DE REI LEAR

 

Tamén podes visitar a ficha do espectáculo e ver por exemplo o historial de funcións:

FICHA DO ESPECTÁCULO REI LEAR




Volver atrás



Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia ao usuario no noso sitio web. Podes personalizar a túa experiencia aquí­. Se queres saber máis, le a nosa Polí­tica de Cookies

Nesta xanela podes configurar as cookies que queres aceptar. Lembra que en todo momento, podes acceder á nosa Política de Cookies