Polo de Franco

Polo de Franco

Unha comedia de Carme Polo de Franco, esposa de "A súa Excelencia o Xeneralísimo"

Autor: Eduardo Alonso

REPARTO

Polo de Franco é un espectáculo unipersoal de Teatro do Noroeste escrito e dirixido por Eduardo Alonso. Esta produción conta coa colaboración do Concello de Brión. É unha comedia, protagonizada por Luma Gómez, gañadora do Premio Marisa Soto 2026 nos XXX Premios María Casares, que xira arredor da figura histórica de Carmen Polo, a esposa do ditador. Unha revisión accesible, crítica e con enfoque de xénero da historia recente promovendo a memoria democrática, con especial atención na mocidade. Este espectáculo é froito dunha investigación histórica e proxecta imaxes reais do NODO.

O espectáculo está dividido en tres escenas cada unha ten lugar nun momento histórico diferente nos cales a protagonista vai mencionando distintas personalidades e feitos históricos concretos.

Carme Polo de Franco confesa co seu confesor de cabeceira, o capelán da capela do Pazo do Pardo. Debe contar acontecementos inconfesables da súa familia, pero o seu profundo credo cristiá obrígalla a facelo. O matrimonio da súa irmá pequena Zita con Ramón Serrano Suñer, o que será ministro falanxista de Franco, non é o que debería ser, e claro, ela ten que poñer man no asunto. Carme Polo, neses anos, quere controlar e o controla todo, desde os ascensos e os descensos que decreta o seu ilustre home, até as alcobas dos ministros do réxime da ditadura franquista.

 A Carme Polo de Franco, esposa de "A súa Excelencia o Xeneralísimo", non lle gusta navegar no "Azor" e sinte especial predilección por Alfonsiño (o Excelentísimo Alcalde da cidade, Don Alfonso Molina). A súa vida transcorre entre as xoierías e os anticuarios da cidade -para espanto dos propietarios-, os seus netos e os compromisos ineludibles que o altísimo cargo do seu marido lle impoñen. É feliz no Pazo de Meirás, e se por ela fose, permanecerían  na Coruña máis tempo do que a prudencia obriga. Se xa se celebraban consellos de ministros alí, por que non se poderían celebrar máis. Ademais, Paco, o seu marido, non debería traballar tanto. Dona Carme porfiaba nisto, como todas as mulleres cos seus homes, tanto traballar, tanto traballar e calquera día, toda España, ía ter un desgusto. Hai que ter en conta que a estas alturas do século, 1958, Paco, o seu marido, ou sexa,  o "Xeneralísimo", xa era avó e cumprira os 66 anos.

E xa na terceira parte da súa vida, cunha filla e oito netos, Carme Polo de Franco, soamente ten unha dedicación, organizar as primeiras comuñóns dos seus netos. Poucas cousas amolan a súa existencia. Pero hai dúas espiñas que se lle cravan no peito. Por unha banda as crecentes preocupacións do seu home polos acontecementos sociais, comezan as revoltas serias na universidade española, despois dos levantamentos do maio francés de 1968 e as críticas exteriores que aínda colean, da condena a morte e execución absolutamente ilegal de Julián Grimau, activista comunista preso e axusticiado polo réxime franquista, nos seus últimos anos. Se no fora por estas escuras nubes, podería dicirse que Carme Polo era, ao remate, absolutamente feliz.

Pasado xa máis de medio século, botamos unha ollada esperpéntica sobre unha das personaxes centrais daquela ditadura franquista que sufriu o noso país e da que, aínda agora, algunhas consecuencias tardías seguimos padecendo. Carme Polo de Franco representa como ninguén aquelas clases sociais cutres, mea pías e desapiadadas que dominaron a todo o pobo español durante corenta anos.  O teatro para entreter, mais tamén para cavilar e, neste caso, para cauterizar.

03/10/2026
Sala Gurugú
 
02/10/2026
Sala Gurugú
 
27/09/2026
Auditorio Municipal
 
29/08/2026
Auditorio Municipal
 
18/08/2026
Á esCEEna!
Cee
 
18/05/2026
Centro Social Polivalente
 
16/05/2026
Centro Social Polivalente
 
DOSSIER POLO DE FRANCO GAL
PLANO LUZ
RIDER_DEF PDF

Volver atrás

Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia ao usuario no noso sitio web. Podes personalizar a túa experiencia aquí­. Se queres saber máis, le a nosa Polí­tica de Cookies

Nesta xanela podes configurar as cookies que queres aceptar. Lembra que en todo momento, podes acceder á nosa Política de Cookies