“FEIRANTES” é un espectáculo teatral baseado nas narracións de Álvaro Cunqueiro recollidas no seu libro “OS OUTROS FEIRANTES”.
Como se sabe, nestas narracións aparecen reflectidas as andainas de diversas e curiosas personaxes: aquel que falaba co seu cabalo; o outro ó que lle falaban as cousas: as cadeiras, as zocas, a culler, o seu propio estómago; aquela voadora de Serantes que voaba sentada nunha banqueta; aquel Tristán García que morreu de tristura porque non atopou a súa Isolda; aquel Novagildo Andión que recorría as feiras co seu autobús, transportando persoas e animais, que nalgúns casos ven sendo o mesmo; ou aquel que tiña un ollo de cristal, que como o oculista non tiña outro deulle un de segunda man cor violeta, que fora un encargo dunha viúva que morreu antes de disfrutalo, e tódalas mozas querían ter fillos con el para ver se herdaban esa fermosa cor de ollos; ou aquela Anxeliña de Prado que naceu anana, pero cunha habilidade, bordar panos con lendas para os velorios: “¡Adeus, padriños queridos!”, “¡Agárdovos a todos no ceo!”, “¡Deica volta, compañeiros!”, e cousas así.
Todas estas tenras, máxicas e líricas personaxes aparecen reflectidas en “Feirantes” a través dun fío conductor, dun nexo común que as interrelaciona, e este nexo non podía ser outro, na vida dunhas personaxes tan fondamente galegas, que unha vaca, o animal totémico da cultura rural galega. Unha vaca, pois, pasa de man en man, de dono en dono, de feira en feira, e acompañándoa no seu recorrido vital tomamos coñecemento das andainas destas personaxes tan próximas á realidade máxica que caracteriza á cultura galega. Pero os días están contados para estas personaxes, para este fermoso animal.
Ós poucos, todo o que significan vaise derrubando. As súas vidas perden o sentido que alentou nelas e, desorientados, atopan caladamente a súa fin. E no último intre pregúntanse a si mesmas cal foi o motivo, cal foi a razón que as levou a esa situación sen saída onde se atopan: ¿Quizais o seu xeito de ser?. ¿Será que a súa innata mansedume, o seu natural conforme levounas paseniño ata a súa fin? Un espectáculo sinxelo, feito desde o sorriso, desde a delicadeza, desde o amor, que procura buscar a relación directa, limpa, sen trampas, co espectador de hoxe e con tódolos públicos, e que inicia unha nova liña de traballo para Teatro do Noroeste, na adaptación de textos narrativos ó teatro, eses textos que expresan a esencia da nosa cultura.
Un espectáculo homenaxe á vaca e ás estrañas e curiosas personaxes que aínda habitan moitos pobos de Galicia e tamén, porque non dicilo, un espectáculo homenaxe a Álvaro Cunqueiro.
Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Puedes personalizar tu experiencia aquí. Si quieres saber más, lee nuestra Política de Cookies
En esta ventana puedes configurar las cookies que quieres aceptar. Recuerda que en todo momento, puedes acceder a nuestra Política de Cookies