
Polo de Franco é un espectáculo unipersoal protagonizado por Luma Gómez, recentemente gañadora do Premio Marisa Soto 2026 nos XXX Premios María Casares
É unha comedia, escrita e dirixida por Eduardo Alonso, que xira arredor da figura histórica de Carmen Polo, a esposa do ditador.
Unha revisión accesible, crítica e con enfoque de xénero da historia recente promovendo a memoria democrática, con especial atención na mocidade. Este espectáculo é froito dunha investigación histórica e proxecta imaxes reais do NODO.
O espectáculo está dividido en tres escenas cada unha ten lugar nun momento histórico diferente nos cales a protagonista vai mencionando distintas personalidades e feitos históricos concretos.
Pasado xa máis de medio século, botamos unha ollada esperpéntica sobre unha das personaxes centrais daquela ditadura franquista que sufriu o noso país e da que, aínda agora, algunhas consecuencias tardías seguimos padecendo. Carme Polo de Franco representa como ninguén aquelas clases sociais cutres,mea pías e desapiadadas que dominaron a todo o pobo español durante corenta anos. O teatro para entreter, mais tamén para cavilar e,neste caso,para cauterizar.