Clara Gayo
Actriz, autora, educadora, ademais de directora teatral. Formada na Escola de Teatro e Danza Espazo Aberto en Santiago de Compostela e asidua dos ciclos do Centro Dramático Galego, especializouse en Interpretación e Arte Dramática.
Traballou como actriz en diversas compañías galegas como Chévere e en series da TVG. Participou en festivais e ciclos de teatro, e dirixiu o grupo de teatro inclusivo de Silleda. Fai parte xunto con Carlos Santiago e Zé Paredes do colectivo “G.O.D Flavia Antonia (Grupo Oportunista de Drama)” desde o ano 2017. Froito deste experimento de escrita a tres mans xurdiron Acto de hixiene (2017), Poetas Suicidas (2018) e Á Mesa! (2019).
Na súa labor como escritora de textos teatrais destacamos as súas obras Agorafobia: parálise sobre o medo, seleccionada nos IV Encontros de Creación en Magalia; e Evasión que gañou no 2015 o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, promovido pola Radio Galega, e en 2017 foi finalista na XI edición con Proxecto Tempo. Dirixiu varias Galas do día do Circo como a de 2018 En Feminino Plural coa compañía Pistacatro. Escribiu e dirixiu obras como Pirolíticos (2022) da compañía Mofa e Befa ou As boas actrices (2020) de Cía.3 en coprodución coa MITCF de Cangas. Recentemente dirixiu a nova versión de As Damas de Ferrol de Teatro do Noroeste.