PREMIO DE HONRA MARISA SOTO 2026: LUMA GÓMEZ

30 / Marzo / 2026

PREMIO DE HONRA MARISA SOTO 2026: LUMA GÓMEZ

Luma Gómez, socia fundadora de Teatro do Noroeste, recibirá o 8 de abril o Premio de Honra Marisa Soto na gala dos XXX Premios María Casares.

A xunta directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) vén de recoñecer coa distinción Premio Honra Marisa Soto 2026 á traxectoria profesional da nosa socia fundadora Luma Gómez: “unha das figuras imprescindibles para entender as artes escénicas”. A entrega será na gala dos XXX Premios María Casares o vindeiro 8 de abril.

Luma Gómez foi fundadora da propia AAAG e unha firme defensora dos dereitos da profesión, como comunicaron no anuncio do Premio dende a asociación.

É unha actriz cunha longa e prolífica carreira profesional. Comezou a súa actividade teatral no ano 1969, profesionalizandose en 1971.Traballou en diversas compañías teatrais e foi cofundadora nas seguintes tanto en Madrid no Teatro Zoo, como en Santiago de Compostela en Teatro Andrómena, Teatro Estaribel e finalmente en Teatro do Noroeste na que segue traballando na maioría de producións. Tamén, ten traballado en múltiples montaxes do Centro Dramático Galego en papeis protagonistas. 

Fixo importantes papeis cinematográficos con produtores de Galicia e do Estado. Como actriz de cine realizou traballos como coprotagonista no papel de Marica da Fame na película El Bosque Animado de José Luis Cuerda ou protagonista no papel de Urxa na mítica Urxa de Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal que forma parte da historia do noso cinema galego. Como actriz de televisión realizou entre outras series: Servizo de Urxencias (1989) na TVG ou Celia (1991) de José Luis Cuerda e José Luis Borau para TVE.

Como actriz de teatro interveu en máis de corenta espectáculos teatrais, entre outros: O enfermo imaxinario, Medea, As alegres casadas, Os xustos, Un soño de verán, Ligazón, As galas do difunto, Alta comedia, As damas de Ferrol, Ensaio, Imperial: Café cantante. Vigo 1936, Romeo e Xulieta, Extrarradios (Comedia das mulleres desamparadas), Glass City (Cidade de Cristal), Historias peregrinas, Linda and Freddy, ilusionistas, A mamma, Palabras malditas, Virxes Salvaxes, Gloria Nacional, Último Verán en Santa Cristina ou, agora en xira, Guerra.

Anteriormente xa foi galardoada co premio Honra da Fundación AISGE na XXVI edición del Ourense Film Festival (OUFF) e co Premio Xiria ao labor teatral da Mostra Internacional do teatro cómico e festivo de Cangas no ano 2015.

Ademais de ter unha moi frutuosa carreira como actriz, en Teatro do Noroeste, tamén fixo, entre outras, labores de dirección, produción ou durante moitos anos na distribución.

Luma é unha gran dama do teatro galego que non deixa, aínda a día de hoxe, de batallar para mellorar a situación deste noso sector dende todos os ámbitos, tanto asociativos, persoais ou empresariais, como tampouco deixa de protagonizar espectáculos. De feito, neste mesmo ano estará estreando en maio, cun papel protagónico, o espectáculo Polo de Franco.

 

CELEBRAMOS A LUMA GÓMEZ

Con motivo da celebración do Premio de Honra Marisa Soto á súa traxectoria, queremos facerlle unha homenaxe, á que segue sendo un dos piares fundamentais de Teatro do Noroeste, repasando algunhas das súas personaxes máis icónicas.

 

Medea 

Medea foi a primeira obra de Teatro do Noroeste, estreada en 1987. Ademais de ser unha das traxedias clásicas máis versionadas, é un dos grandes mitos do teatro universal e o papel principal é unha muller, unha personaxe complexa e poliédrica. Eduardo Alonso e Manuel Guede, fixeron nesta versión unha fusión da de Eurípides, a de Séneca, a de Anouilh e a do guión cinematográfico de Passolini. Cada unha aportou á orixinal un novo e enriquecedor matiz, e nesta, interpretada magníficamente por Luma Gómez, quixeron darlle ao mito todo o seu esplendor e á vez aproximalo ao espectador occidental moderno. 

Luma define a Medea como: “unha muller estranxeira, abandonada, cun espíritu de vinganza, ten unha determinación enorme e como todas as personaxes fortes tamén conta cunha grande fraxilidade”.

“Neste espectáculo había un lago no que me metía vestida na metade da obra, e a auga tiña que estar morna, pero cando me tocaba menterme ás veces estaba xeada e outras veces escaldaba, nunca estaba na temperatura que tiña que estar… aínda así nunca deixei de meterme”.  Luma Gómez



Máis sobre Medea

 

Dora

Os Xustos do texto de Albert Camus, foi estreada por Teatro do Noroeste en Santiago de Compostela en 1991, espectáculo polo cal recibiría o premio “Compostela” á mellor iluminación teatral.

Un grupo de idealistas forma parte dunha organización que ten como obxectivo derrocar ao Zar e implantar un novo réxime. Cinco deles, catro homes e unha muller, xúntanse nun piso onde reciben as últimas instrucións para a súa máis inminente acción que vai ser dirixida contra o Gran Duque. Dora, a personaxe interpretada por Luma Gómez, é a única muller dese grupo, e será a que introduce o dilema da xustiza e o amor non só polos ideais senon tamén polo individuo.

“O dilema moral é importantisimo en Dora. As personaxes danse conta que van matar un rapaz, isto fai que se cuestionen o atentado, sobre todo a través da personaxe de Dora. É unha personaxe moi humana, de boa pasta, pero con moitos conflitos éticos”. Luma Gómez

Máis sobre Os Xustos

 

Xas

Soño de verán é o espectáculo producido polo CDG (Centro Dramático Galego) en 1992. Dirixido por Eduardo Alonso, é unha versión da comedia “O soño dunha noite de verán” de William Shakespeare. 

Esta montaxe contou cun grandísimo e marabilloso elenco, entre os cales estaba Luma Gómez no papel indispensable de Xas, o que viña sendo nesta versión a personaxe de Puck no Shakespeare, un falcatrueiro trasgo. Para Luma, esta foi sempre a principal personaxe clown que fixo na súa carreira.

“Na adaptación de Eduardo Alonso e Manuel Guede a historia desenvólvese nun teatro en ruinas, polo que a personaxe para min é máis un trasgo do teatro que do bosque, de aí que se aproxime moito ao clown. Xas aparecía nos lugares máis insólitos do teatro: nos palcos, no escenario, no patio de butacas…”.

“Esta obra foi un grande éxito e como actriz deume moitísimas alegrías”. Luma Gómez

FOTO

Máis sobre Soño de verán

 

Lady Macbeth 

Macbeth de Teatro do Noroeste foi estreado en 1994 na MIT de Ribadavia cunha posta en escena transgresora da traxedia de William Shakespeare. 

Nesta obra destaca a personaxe de Lady Macbeth, que é unha excepción ao rol das mulleres, un exemplo de transgresión nos valores da época. Esta personaxe difícil e fascinante foi interpretada por Luma Gómez, que a define así: “é unha muller pouco habitual. Case funciona na primeira etapa dun xeito intrigante bastante parecida a un home. Tiña unha gran influencia sobre Macbeth e é o motor de todas as cousas malas que este fai. Acaba con todos os que a rodean. E cando se decata é cando non o soporta e venlle a tolemia.”

“Este é un texto moi excepcional na construción da personaxe de Lady Macbeth instigando ao crime. É unha personaxe moi dura e distante, que deixa ver a súa maldade no principio; e unha personaxe moi debilitada e fráxil no final, na tolemia. Cando está nun remuíño que non a deixa vivir, chega ao seu límite, rómpese”. Luma Gómez

FOTO

Máis sobre Macbeth

 

Linda

Linda and Freddy foi un dos espectáculos de Teatro do Noroeste, estreado no Salón Teatro de Santiago de Compostela en 2013. “Unha comedia post-crise, que aposta por unha saída con imaxinación”. Un espectáculo que podería ser actual xa que trata da crise que domina Europa. O caos e a revolta constante á que levou a política dos líderes europeos, a transformar Europa nun campo de batalla. 

Linda e Freddy formaron unha famosa parella de ilusionistas que recorreron os teatros europeos cos seus espectaculares trucos de maxia e os seus números de variedades. Agora, permanecen a cuberto, agochados na súa casa, sen luz, nin case provisións, soñando cunha xira que non nunca chegará… Acaban decantándose que nunca recibirán a chamada que os sacará da miseria, polo que deciden preparar o seu número máis importante: un número de maxia que fará desaparecer á humanidade. 

A personaxe de Luma, Linda, é unha artista incansable que vive nunha mestura entre a nostalxia do tempo pasado, a resiliencia no presente e as ensoñacións dun futuro pouco probable, en contraposición co pesimismo rosmón e racionalidade de Freddy.

“Linda and Freddy dun xeito metafórico ten moito que ver coa miña vida no teatro, esa especie de sensación que che queda de vivir nunha fantasía. Eles non tiveron éxito e viven nunha fantasía con partes da realidade que foron acomodando á súa vida” Luma Gómez

FOTO

Máis sobre Linda and Freddy



Actriz Valleinclaniana

Guerra é a última montaxe de gran formato de Teatro do Noroeste, con texto e dirección de Eduardo Alonso, o espectáculo foi estreado no Teatro Principal de Santiago de Compostela en xaneiro de 2025 e aínda está en xira.

Esta obra reúne nun teatro bombardeado pola Guerra a unha serie de personaxes que alí se refuxian. Anuncianse a si mesmos como actores e actrices, pero son en realidade a esencia dos personaxes do teatro que representan, nunha construcción alegórica dalgunhas personaxes da dramaturxia europea e universal.

No caso do teatro de Valle Inclán, está referido o teatro de ambiente galego, as Comedias Bárbaras e sobre todo Divinas Palabras, utilizándose elementos das personaxes secundarias que lle dan ese aporte complexo e multifacético de aldeá canalla e individualista.

Así é como xurde unha destas personaxes, Actriz Valleinclaniana, á que da vida Luma. A Actriz Valleinclaniana é unha vella animosa de cabelo branco inmaculado, que representa os peores instintos do individualismo e da ruindade, coa súa retranca galega que deixa ver en cada momento. Como en Valle Inclán, esta personaxe nin é condenada nin salvada, tan só escrita, participante activa da realidade escénica.

“Son do credo incrédulo, en nada creo… Nin en Deus, así que de aí para abaixo en nada”. Actriz Valleinclaniana en Guerra, interpretada por Luma Gómez

FOTO

Máis sobre Guerra

 

Estas é unha ínfima selección de todas as personaxes ás que deu vida Luma Gómez, nunha traxectoria digna e merecedora desta distinción.

“Para min é unha honra recibir o premio Marisa Soto, xa que Marisa foi a miña compañeira en Teatro Andrómena, e en varios espectáculos do centro dramatico galego. Ademais á AAAG é moi importante para min, porque eu estiven na comisión xestora que levou a cabo a súa creación”. Luma Gómez




Volver atrás



Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia ao usuario no noso sitio web. Podes personalizar a túa experiencia aquí­. Se queres saber máis, le a nosa Polí­tica de Cookies

Nesta xanela podes configurar as cookies que queres aceptar. Lembra que en todo momento, podes acceder á nosa Política de Cookies