Fai 25 anos estreábase A Celestina (Comedia dos tolos amores de Calisto e Melibea) de Teatro do Noroeste. Unha versión libre escrita por Eduardo Alonso da Traxicomedia de Calisto e Melibea, unha das obras fundamentais da literatura española do Renacemento.
En maio do 2000, estreabase no Salón Teatro de Santiago de Compostela A Celestina (Comedia dos tolos amores de Calisto e Melibea), a versión libre, escrita por Eduardo Alonso, dunha das obras máis relevantes da nosa literatura atribuída a Fernando Rojas, A Celestina.
Este espectáculo producido por Teatro do Noroeste estivo dous anos de xira e chegou a representarse en Portugal.
O elenco estaba formado por Luma Gómez no papel de Celestina, Xavier Estévez no papel de Calisto, Carlos Mosquera (Mos) no papel de Pármeno, Xosé Vilarelle no papel de Sempronio, Luisa Veira no papel de Elicia, Belén Constenla no papel de Areúsa e Elena Atienza no papel de Melibea.
Tamén formaron parte do equipo de produción deste: Equipo Taetro (escenografía e vestiario), Chefa Alonso (música orixinal), Óscar Canal (deseño gráfico), Tino Viz (fotografía), Belén Arnejo (administración), Juan Udaondo (axudante de dirección) e o autor, Eduardo Alonso (dirección e deseño de iluminación).
A Celestina de Rojas é un texto monumental e imposible de afrontar na súa totalidade, mais Teatro do Noroeste quixo asumir este reto. Para a compañía esta é, sobre todo, unha historia de amor tolo (amour fou), desas que case só se dan na literatura.
Esta montaxe destacou por ser unha adaptación salientable da obra clásica ao galego e por achegar unha lectura contemporánea e próxima ao noso territorio cultural. Ademais, permitiu consolidar a figura de Celestina como protagonista central, explorando a súa dualidade: respectada e temida, sobrevivinte e condenada. O combo escenografía e iluminación fixo posible un xogo de cores, luces e sombras coas distintas personaxes que creou o particular ambiente desta historia.
Para actualizar elementos como a mestura entre vida e morte, o amor desesperado, a precipitación, ou a materialidade e a traizón, decidiuse converter as aventuras destes amantes case nunha “telenovela” de mafiosos e narcotraficantes, pero só foi unha translación estética. Os narcotraficantes desta Celestina teñen que ver tanto cos reais coma cos gansters das películas americanas, cos verdadeiros mafiosos do Chicago dos anos trinta. Tratouse de volver ao de sempre e contar unha historia bonita dun xeito atractivo e singular.
Nesta comedia desaforadamente tola, Calisto "O Colombiano" foi enviado polos seus xefes de Medellín a resolver un par de "negocios" ás Rías Galegas. A "O Colombiano" saíronlle mal os dous encargos que tiña en Galicia. Un destes resultou nunha persecución ata unha floristería dunha galería comercial, no que Calisto acabou estragando macetas e prantas e foi botado fóra pola dependenta. Flores Melibea, nunca se lle esquecerá o nome da tenda, nin a fermosa furia galega.
A través dos dous contactos que ten en Galicia: Sempronio, o aproveitado, e Pármeno, o fiel, acaba no local da alcaiota Celestina.
Celestina é unha muller segura de sí mesma e con grandes habilidades sociais, aínda que tamén as emprega para a manipulación, é o seu instinto de supervivencia para seguir sendo autosuficiente. A súa ambición e argucias, que a axudan a sobrevivir nun entorno hostil, tamén a acabarán levando á súa condena. Así como Calisto e Melibea que tamén caen nos seus enredos e artimañas.
Os grandes amores, se rematan mal, son aínda máis grandes se cabe. E así remata esta historia, para aviso de namorados excesivos, alcaiotas desalmadas e malos amigos.
«SEMPRONIO a CELESTINA.- O Colombiano encaprichouse dunha florista. Árdelle a entreperna por unha tal Melibea. Está como tolo, enconado ata as cellas e anda doente. Disto podémonos aproveitar os dous, pois dá a casualidade que ten no seu poder cen quilos dunha recadación dos de Medellín, en billetes usados de curso legal e máis negros que a alma dun servidor. Unha oportunidade coma esta non se presenta dúas veces nunha vida. Podémoslle estafar arrincándolle un bo cacho dese estraperlo.»
Eduardo Alonso, A Celestina (Comedia dos tolos amores de Calisto e Melibea), escena segunda.
Todo o material de arquivo deste espectáculo, como o programa de man e fotografías, podes atopalo na nosa sección:
Tamén podes visitar a ficha do espectáculo e ver por exemplo o historial de funcións:
FICHA DO ESPECTÁCULO A CELESTINA