Entrega Premio de Honra Marisa Soto 2026 a Luma Gómez

14 / Abril / 2026

Entrega Premio de Honra Marisa Soto 2026 a Luma Gómez

O pasado 8 de abril foi a Gala dos XXX Premios María Casares onde tivo lugar a entrega da man da directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) do Premio de Honra Marisa Soto 2026 a Luma Gómez

A entrega do Premio de Honra Marisa Soto 2026 a Luma Gómez tivo lugar na Gala dos XXX Premios María Casares que se celebraron o pasado mércores 8 de abril no Teatro Rosalía de Castro.

A directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) foi quen fixo a entrega a Luma Gómez deste Premio que distingue "traxectorias consolidadas e de especial relevancia para o desenvolvemento das artes escénicas en Galicia".

Compartimos aquí as palabras da AAAG na entrega do Premio:

 " A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia concédelle o Premio de Honra Marisa Soto a Luma Gómez en recoñecemento a unha traxectoria exemplar e o seu compromiso co desenvolvemento do teatro galego. 

Con este galardon recoñecemos e festexamos unha vida adicada ao teatro e ao compromiso de loita para acadar dereitos e recoñecementos tan necesarios na nosa profesion.

Luma é antes de nada unha compañeira, mais cabe destacar as súas catro decadas adicadas ao teatro, confundou varias compañías teatrais, implicouse activamente na consolidación das estruturas culturais do país, incluída esta Asociación, na que nunca deixou de participar de xeito activo; aínda leva o número 4 no seu carné de socia. Unha compañeira que brilla con luz propia, que día a día foi poñendo o seu gran de area para avanzar na loita sindical, no feminismo e sempre, no noso idioma, tanto dentro como fóra dos escenarios.

Compañeira, con este premio queremos recoñecerte como unha figura esencial das artes escénicas de Galicia, cun labor que resulta imprescindible para comprender a evolución e consolidación do noso sistema teatral.

Luma, aquí tes o teu premio!

 

 

Eva Fórneas, presidenta da AAAG, sinalou: “Luma é un referente en moitos aspectos. Fundou e cofundou tanto esta asociación como compañías teatrais. Sempre estivo concienciada coa profesión, cos dereitos e coas loitas sindicais. Comprometida co feminismo, coas compañeiras e compañeiros, nunca deixou de se dedicar ao teatro”. Quixeron facerlle entrega deste Premio de Honra con Luma Gómez en activo: “queremos que poida gozar e desfrutar deste recoñecemento cada día, tanto desde o escenario como detrás dos papeis. Luma destaca pola súa luz, obra propia e actos, é digno de xustiza recoñecer a súa predisposición e compromiso”.

Aquí podedes ver o vídeo completo da entrega do Premio Marisa Soto 2026:

 




Volver atrás



Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia ao usuario no noso sitio web. Podes personalizar a túa experiencia aquí­. Se queres saber máis, le a nosa Polí­tica de Cookies

Nesta xanela podes configurar as cookies que queres aceptar. Lembra que en todo momento, podes acceder á nosa Política de Cookies